NOMePISESoFREGHAO

grupo de acçom e reflexom ghedelluda

Sobre nós

ORIXE:

Nomepisesofreghao xorde no entorno do centro social ‘Atreu’ da Coruña, como colectivo de mulleres que reivindicamos un espazo non mixto dentro da militancia do centro social, do barrio e da cidade. Temos a honra de ser veciñas do barrio das Atochas-Monte Alto, onde antes viviron e loitaron mulleres bravas do sindicalismo anarquista nos feroces anos 30. Aquí estamos, resistindo!

Primeiras incidencias

Efectos dentro do espazo: principalmente introdución e consolidación da perspectiva feminista nas actividades e accións dos diferentes colectivos que participan do espazo social. Replantexamento das mesmas e aumento na participación de mulleres nos colectivos e accións.

A apropiación dun espazo (temporal e periódico) nun lugar presumiblemente liberado levou a replantexamentos dentro do mesmo, concluíndo na necesidade de traballar temas de xénero desde as diferentes identidades que participan do Centro Social, sementouse unha posibilidade de traballo en materia de feminismo, en masculinidades…

Efectos dentro do colectivo: espazo de autoformación, apoio mutuo e elaboración de estratexias e campañas de acción social no entorno. Empoderamento e novos posicionamentos dentro dun espazo militante e incorporación de novas mulleres con inquedanzas diferentes.

DECONSTRUCIÓN-RECONSTRUCIÓN

Dende a nosa orixe e ao longo de toda a nosa traxectoria, sempre tivo unha importancia relevante constituír un grupo de apoio mutuo no que aprender conxuntamente a manifestar a nosa conciencia de xénero, desde o individual e o colectivo. A nosa procedencia é sumamente diversa e o intercambio de vivencias e coñecementos en materia de feminismo é o noso día a día como colectivo. Un dos obxectivos que sempre tivemos presentes foi o de nomear de xeito claro todo aquelo polo que queremos traballar para non confundir as mensaxes entre nos e de cara ao exterior. Así asumimos que, aínda que bebemos de todas as novas tendencias teóricas e prácticas libertadoras non deixamos de usar terminoloxía clásica para seguir visibilizando todo o logrado durante séculos de loita. Podemos poñer adxectivos, prefixos e sufixos diferentes, pero temos unha esencia de loita feminista a través da que adoitamos o desexo de chegar a deconstruir os xéneros, aínda que conscientes de que estamos rodeadas dunha realidade na que a súa construción non está asumida como un efecto do sistema patriarcal: no fogar, na familia, no traballo, na rúa, no barrio, na vila… As xentes que nos observan desde fora teñen que entender tamén as nosas mensaxes con claridade porque podemos crear novas prácticas e teorías, analizalas desde os ámbitos académicos e darlles forma para expresalas nas rúas. Ademais consideramos imprescindible participar en redes nas que buscar a innovación nas prácticas e avanzar en novos debates, temos que emitir para o exterior visibilizando todo ese traballo que herdamos das nosas compañeiras e compañeiros das loitas das que bebemos.

VIOLENCIAS

Esta óptica xeneralizadora está en concordacia coa nosa visión da violencia tamén xeneralizada en tódolos eidos das sociedades. Diferimos da perspectiva reducionista que as institucións exhiben do fenómeno da violencia de xénero. En consecuencia entendemos que a violencia é un mecanismo máis de opresión do sistema patriarcal que se manifesta non só a través do maltrato físico e psicolóxico, medido a través de enquisas que afondan na imaxe das mulleres desde unha mirada revictimizadora. Nós non somos víctimas nin queremos reforzar ese papel tan propio do rol de xénero para nós asignado. O noso traballo, por tanto, focalízase en conseguir o empoderamento das mulleres en todos os ámbitos.

En concreto centrámonos, até o de agora, nas seguintes liñas de traballo:

PRECARIEDADE

Vivimos nun mundo no que o emprego é cada vez mais precario, o que constitúe unha realidade estruturada na desigualdade xerando situacións de escravitude, como por exemplo no caso das empregadas do fogar. A campaña que levamos a cabo pretendía visibilizar o xeito en que a violencia dos estados mantén unha estrutura de dominación clara a través da economía. As empregadas de fogar son mulleres si dereitos laborais, sen acceso ao réxime xeral de cotización da Seguridade Social. Ademais exercen o seu traballo no ámbito privado, o que lles dificulta a creación de redes para organizarse e plantexar unha resposta ante tal situación.

TECNOLOXIAS LIBRES PARA CORPOS LIBRES

Os ámbitos da tecnoloxía contan coa participación de poucas mulleres que normalmente realizan tarefas de asistencia e colaboración pero en raras ocasións desenvolven tarefas de responsabilidade ou conten co recoñecemento das súas capacidades, ante este escenario os nosos obradoiros tratan de disolver os roles de xénero nas actividades que  desenvolvemos, do mesmo xeito o funcionamento dos obradoiros tratan de disolver os roles de expertas e de aprendizas, a mesma filosofía das comunidades de software libre reforzan as liñas de traballo do feminismo no sentido en que se dilúen as diferencias entre desenvolvedoras e usuarias, entre expertas e principiantes, é dicir, unha disolución dos roles do mesmo modo que funcionan na construción de xénero.

Os obradoiros comezan orientados a mulleres a fin de favorecer a súa participación, mas nas últimas edicións fomos abrindo a convocatoria para crear ese espazo no que as mulleres se desenvolvan xunto aos homes coa mesma confianza.

PARTICIPACIÓN E CONSTRUCIÓN REDES

Actualmente desde Nomepisesofreghao priorizamos a autoformación e o traballo cara adentro, máis a realidade desfragmentada que estamos a perceber no movemento, nos fai apostar polo traballo en rede como única vía para obter un efecto real sobre o entorno. Como traballo en rede temos diferentes ámbitos os que exercer a nosa aportación.
As redes teñen diferentes xeitos de crearse e evolucionar, para que unha rede funcione como tal cremos que hai que traballar moito na admisión da diferencia sin que esto se convirta no obxectivo da mesma, esto quere decir que as aportacións deben ir na consecución dun obxecto común, que as redes son ferramentas que utilizar no beneficio de todos e cada un dos nodos que a conforman (QUEREMOS PARA TODAS TODO). Usando as redes como ferramentas e non como fins conseguiremos respetar a autonomía do traballo de quen as conforman.

Así participamos de espazos comúns virtuais e físicos con mulleres e colectivos doutros lugares a través da Rede Feminista Galega, da que formamos parte.
contacta: nomepisesofreghao(at)gmail(pt)com

Comments are off for this post

Os comentarios están pechados.

Mexico