NOMePISESoFREGHAO

grupo de acçom e reflexom ghedelluda

Calendário feminista 2013 (As mulleres do téxtil). Por Lola Ferreiro.

Unha vez mais a compa Lola Ferreiro agasállanos co seu calendario feminista, este ano adicado ás traballadoras do téxtil, nós recibimos o agasallo encantadas, agardámolo xa cada ano desexosas de saber a quen llo adica e sempre acerta, ademais estamos doblemente agradecidas, xa que grazas ao calendario foi que coñecimos persoalmente a Lola e incluso nos embarcamos en proxectos xuntas. Partillamos con vos esta ferramenta preciosa para que penduredes nas vosas paredes e partilledes con todas as persoas que nos acompañan na loita. Obrigada un ano mais Lola!!

Ao final do texto tedes as ligazóns para as descargas dos calendarios en A3 e A4

AS TRABALLADORAS DO TÉXTIL

A confección de pezas de vestir sempre se considerou un traballo “propio de mulleres”. Desde súa orixe, cando a xente comezou a vestir, e durante moitos séculos, foron as mulleres quen teceron e coseron, como parte do seu traballo “doméstico”. Foron elas tamén quen inauguraron e traballaron nos primeiros obradoiros de costura, en pequenos espazos onde tiraban da agulla por conta allea para a xente que podía pagalo, sempre moi mal remuneradas. Costureiras, bordadoras e tecelás deterioraban a vista e as costas para poder contribuír unha miga á precaria economía familiar.

A mediados do século XVIII, a revolución industrial mecaniza tamén o traballo téxtil e milleiros de mulleres incorpóranse ás fábricas para producir en serie. Era un dos poucos traballos aos que lles estaba permitido acceder… e accederon, malia ás condicións nas que o tiñan que facer: 16 horas diarias, en naves escasamente ventiladas, con mala iluminación e temperaturas extremas, salarios de fame e ningunha prestación social, nin subsidio por enfermidade ou parto.

As traballadoras do téxtil non tardaron moito tempo en proletarizarse. En pelexar para que se lles permitira a afiliación aos sindicatos de clase, desde onde reclamaren os seus dereitos laborais e sociais.

En 1857, só nove anos despois da primeira edición do Manifesto Comunista e da Declaración de Seneca Falls, milleiros de traballadoras industriais do sector téxtil de Nova Iorque marcharon sobre Manhattan para denunciar as condicións nas que traballaban e esixiren os seus dereitos. Foron violentamente reprimidas pola policía, pero marcaron un fito histórico: a primeira gran mobilización das “traballadoras da agulla”.

A primeiros do século XX, as traballadoras, que nalgúns países (USA, entre outros) aínda non se lograran afiliar aos sindicatos de clase -reservados aos homes brancos e nacionalizados no país en cuestión- protagonizan mobilizacións históricas, como a de 1908, na que unhas 40.000 se declaran en folga reclamando a igualdade salarial cos homes –naquela altura cobraban aproximadamente a metade- e a xornada de 10 horas, e rexeitando o traballo infantil.

As nenas obreiras tamén xogaron un papel relevante. En 1909, en Nova Iorque, ten lugar a chamada folga dos “piquetes móviles”. Todas elas eran menores escravizadas nas fábricas por un salario ínfimo. Cómpre lembralas a todas, nomeadamente á máis vella, que liderou a loita. Chamábase Clara Lechmil e tiña 23 anos naquela altura.

Pouco despois, en 1912, en Lawrence (USA) tivo lugar outra gran movilización pola mellora salarial, a redución da xornada laboral e mellorar as condicións de vida e de traballo. A dita movilización pasou á historia como movemento do “Pan e Rosas”, polo lema que rezaba nas faixas das manifestacións. Para lles render tributo, en 2003 organizouse a asociación “Pan e Rosas”, no Encontro Nacional de Mulleres celebrado en Rosario (Arxentina)

Á durísima represión que se desatou contra todas elas témoslle que sumar a cantidade de mulleres e nenas mortas ou feridas graves en incendios (moitas veces provocados) nos lugares de traballo, cheos de material inflamábel e sen saídas de emerxencia.

Pero as traballadoras do téxtil foron sempre alén das súas reivindicacións laborais. Elas solidarizáronse coa causa de clase, contra as guerras e contra o fascismo.

No estado español tamén é de destacar a loita dos milleiros de mulleres que se incorporaron ao traballo no sector téxtil, especialmente desenvolvido en Catalunya. Case desde o comezo organizaron e participaron as loitas polo salario digno, pola redución da xornada laboral e pola mellora das condicións de vida.

Naquela altura xa destacan algunhas que lle dan á loita de clase a dimensión de xénero, insistindo en que a liberación das mulleres non se dará da man da revolución social se non se toman medidas e accións específicas para propiciala. Neste senso cómpre salientar a figura de Teresa Claramunt Creus (1862-1931), unhas das organizadoras da folga xeral de 1902, pola xornada laboral de 10 horas, e cofundadora da Sociedade Autónoma de Mulleres de Barcelona.

En 1931, nas zonas industrializadas do estado traballaban o 24% das mulleres (aproximadamente). A maioría no servizo doméstico e nas fábricas téxtiles. Destas, o 80% estaban solteiras ou viúvas. As casadas precisaban do permiso dos seus homes para traballar e non eran donas dos seus salarios, que podían ser cobrados por eles. As traballadoras que casaban eran automaticamente despedidas, porque á patronal non lle conviña ter contratadas mulleres que parían. Existía un seguro de maternidade e unha regulación do permiso postparto, promulgados por Primo de Rivera, que se incumprían sistematicamente sen houbera control de ningunha clase por parte do goberno.

A IIª República, xa durante o goberno provisional, decretou a readmisión inmediata e con efectos retroactivos das traballadoras despedidas e regulou de xeito definitivo o permiso e o seguro de maternidade.

Cómpre salientar o papel das mulleres da república na loita (tamén) polos dereitos das traballadoras do téxtil e, entre elas, o de Petra Cuevas Rodríguez (1908), aínda viva aos seus 104 anos. Petra foi a Secretaria Xeral do Sindicato da Agulla (UXT), que chegou a contar con 25.000 afiliadas. O seu labor non se limitou á organización do sindicato e das mobilizacións en defensa dos dereitos das traballadoras; tamén contribuíu á súa alfabetización, culturización e aculturación. Ela dicía (e di) con frecuencia: “Se loitas, podes perder. Sen on loitas, estás perdida”.

Tras o levantamento fascista e a instauración da ditadura, que volveu relegar as mulleres á casa, as traballadoras do téxtil foron o colectivo que puido continuar a traballar. Iso si, en condicións máis que precarias. Non en van seguiu tendo a consideración de traballo “propio de mulleres”… e esta precariedade presidiu sempre a súa actividade. Traballo insalubre, respirando o po que desprenden os fíos en locais pouco ventilados en xornadas interminábeis. Contratos (cando os hai) irregulares a todas luces. Traballos realizados nas súas casas sen remuneración axeitada e sen cotización…

Pola súa vez, as presas políticas do primeiro franquismo deciden solicitar a instalación de obradoiros de costura nos cárceres, dentro do que se chamou “sistema de redención de penas polo traballo” (as escravas de Franco). Juana Doña conta como no das Ventas (Madrid), onde –para maior escarnio- confeccionaban roupa para intendencia militar, logran burlar a vixilancia das monxas carcereiras, e fabrican e sacan clandestinamente da prisión parte desta roupa con destino á resistencia armada. Toda unha lección de dignidade!!!

A “crise” comezou para elas moito antes; cando a patronal do sector “descubriu” que lle resultaba moito máis rendíbel trasladar os centros de produción a países subdesenvolvidos, onde aínda podían pagar peores salarios, manter xornadas laborais de moitas máis horas e mesmo despreocuparse das condicións de hixiene e seguridade… todo un logro da “globalización” do século XX.

Hoxe, sofren agresións repetidas. Despedimentos masivos en empresas con beneficios, contratos-lixo, supresión das prestacións sociais e unha longa lista de agravios que caracterizan e caracterizaron sempre o traballo das mulleres, alén das que tamén afectan aos homes.

Elas seguen pelexando. Nós debemos apoiar a súa loita. A carón delas. A prol dos dereitos de TODAS NÓS.

ADIANTE A LOITA DAS MULLERES!!!

A REVOLUCIÓN SERÁ FEMINISTA OU NON SERÁ!!!

Descarga do calendario en A4

Descarga do calendario en A3

Os comentarios están pechados.