NOMePISESoFREGHAO

grupo de acçom e reflexom ghedelluda

Archive for Xaneiro, 2013

Descosendo nas rebaixas, primeira acción da plataforma #BoikotInditex na Coruña

12 01 2013

Hoxe, na Praza de Lugo da Coruña, a Plataforma #BoikotInditex, da que Nomepisesofreghao forma parte, realizou unha acción de presentación da súa campaña de Boikot ao grupo Inditex.

Esta plataforma pretende visibilizar ante a cidadanía as prácticas abusivas que o grupo Inditex realiza a través non só do trato aos seus cadros de persoal nas distintas partes do mundo, senón tamén na Galiza. Denuncia tamén a súa política de contratas e subcontratas, o seu modelo de consumo de fast fashion e a súa contribución a un modelo de beleza marcado polo sistema patriarcal e capitalista.

A acción realizouse diante da tenda Bershka da praza de Lugo da Coruña, hoxe, primeiro sábado de rebaixas, situándose un grupo de mulleres a coser simulando o traballo nos talleres textís mentres visibilizan mediante cartaces situacións reais que se producen no sistema de traballo do grupo Inditex.

A día de hoxe o modelo de empresa que iniciou Amancio Ortega é un modelo que se presenta como de éxito xa que conseguiu situar ao seu principal accionista como o terceiro home mais rico do mundo, que, a pesar da crise na que nos atopamos que empobrece día a día á cidadanía, segue a aumentar os seus beneficios a costa dese sistema de explotación.

Os medios non tiveron xa mais remedio, que sacar á luz as fechorías que o grupo Inditex vai facendo polo mundo adiante a través de subcontratas que escravizan a mulleres e crianzas no seu proceso de producción, sen embargo silencian que isto tamén acontece aquí, no noso país, no suposto primeiro mundo, e a plataforma #BoikotInditex pretende tamén denuncialo.

Por todo isto a plataforma #BoikotInditex comeza esta campaña que seguirá realizando accións de denuncia e boicot ao grupo de empresas e convida ás persoas e colectivos que se queran sumar a participar da plataforma.

PORQUE A VOSA FORTUNA É A NOSA MISERIA: BOICOT A INDITEX!!

Fotos da acción

Vídeo da acción e lectura do manifesto

1 comment

Estrea na Coruña do Documental de Raquel Rei “Dez centímetros mais perto do ceo”

7 01 2013

Para unhas é un instrumento de tortura, para outras millor xeito de seducción feminina. Diferentes ideas ante un mesmo obxecto, o que mostra que os zapatos de tacón son moito mais que simple calzado. Neste documental os tacóns convírtense na metáfora que convida a reflexionar sobre cómo é o mundo polo que caminamos.

Este venres 11 de xaneiro de 2013, ás 21:00h no Mentireiro, na rúa Olrillamar, número 12, estreamos na Coruña este traballo da compañeira Raquel Rei, para convidarvos a reflexionar acerca do modelo de muller que o patriarcado foi artellando e que nos tacóns atopa unha expresión mais da feminidade hexemónica. Contaremos coa presencia da directora. Compartide e difundide!!

Para nós é un pracer enorme poder contar coa presenza de Raquel na estrea, xa que ademais dunha gran profesional, como poderedes comprobar vendo o seu traballo, é unha compañeira marabillosa, loitadora e que aporta sempre todo o seu talento, como fai coas Candongas do Quirombo onde ela, xunto a Andrea Nunes fixeron traballos valiosísimos que non somos quen de agradecer o suficiente, desde o feminismo e desde o país. Obrigada entón por vires rula!!

SINOPSE

De todos os elementos que se identifican coas mulleres na nosa sociedade occidental, probablemente os zapatos de tacón están entre os máis significativos. E aínda que non podemos entrevistalos que pasaría se convertésemos aos tacóns nos protagonistas dunha película? Dez centímetros mais perto do Ceo exponse como un documental reflexivo de quen mira uns zapatos de tacón e ve unha oportunidade para falar sobre a construción do xénero. Da man da propia directora e acompañada por unha deseñadora de calzado, un podólogo, un deseñador de moda, unha activista feminista, dúas ex-traballadoras do sexo e unha socióloga, o documental emprende unha viaxe para entender por que para ser máis guapas e máis femininas temos que usar tacóns?

FICHA TÉCNICA
Título orixinal: Deu centímetres més a prop do cel
Versión orixinal: galego, catalán, castelán e inglés
Subtítulos: galego, catalán, castelán e inglés
Formato de pantalla: 16/9 ? 1920 x 1080 / HD
Son: Stereo
Filmación: Cor / Branca e negra
Duración: 25 min.
Para todos os públicos
2012 / Catalunya-Galiza (Estado Español)

Se queredes afondar mais na ficha técnica e artística tédela aquí.

Comments are off for this post

Calendário feminista 2013 (As mulleres do téxtil). Por Lola Ferreiro.

3 01 2013

Unha vez mais a compa Lola Ferreiro agasállanos co seu calendario feminista, este ano adicado ás traballadoras do téxtil, nós recibimos o agasallo encantadas, agardámolo xa cada ano desexosas de saber a quen llo adica e sempre acerta, ademais estamos doblemente agradecidas, xa que grazas ao calendario foi que coñecimos persoalmente a Lola e incluso nos embarcamos en proxectos xuntas. Partillamos con vos esta ferramenta preciosa para que penduredes nas vosas paredes e partilledes con todas as persoas que nos acompañan na loita. Obrigada un ano mais Lola!!

Ao final do texto tedes as ligazóns para as descargas dos calendarios en A3 e A4

AS TRABALLADORAS DO TÉXTIL

A confección de pezas de vestir sempre se considerou un traballo “propio de mulleres”. Desde súa orixe, cando a xente comezou a vestir, e durante moitos séculos, foron as mulleres quen teceron e coseron, como parte do seu traballo “doméstico”. Foron elas tamén quen inauguraron e traballaron nos primeiros obradoiros de costura, en pequenos espazos onde tiraban da agulla por conta allea para a xente que podía pagalo, sempre moi mal remuneradas. Costureiras, bordadoras e tecelás deterioraban a vista e as costas para poder contribuír unha miga á precaria economía familiar.

A mediados do século XVIII, a revolución industrial mecaniza tamén o traballo téxtil e milleiros de mulleres incorpóranse ás fábricas para producir en serie. Era un dos poucos traballos aos que lles estaba permitido acceder… e accederon, malia ás condicións nas que o tiñan que facer: 16 horas diarias, en naves escasamente ventiladas, con mala iluminación e temperaturas extremas, salarios de fame e ningunha prestación social, nin subsidio por enfermidade ou parto.

As traballadoras do téxtil non tardaron moito tempo en proletarizarse. En pelexar para que se lles permitira a afiliación aos sindicatos de clase, desde onde reclamaren os seus dereitos laborais e sociais.

En 1857, só nove anos despois da primeira edición do Manifesto Comunista e da Declaración de Seneca Falls, milleiros de traballadoras industriais do sector téxtil de Nova Iorque marcharon sobre Manhattan para denunciar as condicións nas que traballaban e esixiren os seus dereitos. Foron violentamente reprimidas pola policía, pero marcaron un fito histórico: a primeira gran mobilización das “traballadoras da agulla”.

A primeiros do século XX, as traballadoras, que nalgúns países (USA, entre outros) aínda non se lograran afiliar aos sindicatos de clase -reservados aos homes brancos e nacionalizados no país en cuestión- protagonizan mobilizacións históricas, como a de 1908, na que unhas 40.000 se declaran en folga reclamando a igualdade salarial cos homes –naquela altura cobraban aproximadamente a metade- e a xornada de 10 horas, e rexeitando o traballo infantil.

As nenas obreiras tamén xogaron un papel relevante. En 1909, en Nova Iorque, ten lugar a chamada folga dos “piquetes móviles”. Todas elas eran menores escravizadas nas fábricas por un salario ínfimo. Cómpre lembralas a todas, nomeadamente á máis vella, que liderou a loita. Chamábase Clara Lechmil e tiña 23 anos naquela altura.

Pouco despois, en 1912, en Lawrence (USA) tivo lugar outra gran movilización pola mellora salarial, a redución da xornada laboral e mellorar as condicións de vida e de traballo. A dita movilización pasou á historia como movemento do “Pan e Rosas”, polo lema que rezaba nas faixas das manifestacións. Para lles render tributo, en 2003 organizouse a asociación “Pan e Rosas”, no Encontro Nacional de Mulleres celebrado en Rosario (Arxentina)

Á durísima represión que se desatou contra todas elas témoslle que sumar a cantidade de mulleres e nenas mortas ou feridas graves en incendios (moitas veces provocados) nos lugares de traballo, cheos de material inflamábel e sen saídas de emerxencia.

Pero as traballadoras do téxtil foron sempre alén das súas reivindicacións laborais. Elas solidarizáronse coa causa de clase, contra as guerras e contra o fascismo.

No estado español tamén é de destacar a loita dos milleiros de mulleres que se incorporaron ao traballo no sector téxtil, especialmente desenvolvido en Catalunya. Case desde o comezo organizaron e participaron as loitas polo salario digno, pola redución da xornada laboral e pola mellora das condicións de vida.

Naquela altura xa destacan algunhas que lle dan á loita de clase a dimensión de xénero, insistindo en que a liberación das mulleres non se dará da man da revolución social se non se toman medidas e accións específicas para propiciala. Neste senso cómpre salientar a figura de Teresa Claramunt Creus (1862-1931), unhas das organizadoras da folga xeral de 1902, pola xornada laboral de 10 horas, e cofundadora da Sociedade Autónoma de Mulleres de Barcelona.

En 1931, nas zonas industrializadas do estado traballaban o 24% das mulleres (aproximadamente). A maioría no servizo doméstico e nas fábricas téxtiles. Destas, o 80% estaban solteiras ou viúvas. As casadas precisaban do permiso dos seus homes para traballar e non eran donas dos seus salarios, que podían ser cobrados por eles. As traballadoras que casaban eran automaticamente despedidas, porque á patronal non lle conviña ter contratadas mulleres que parían. Existía un seguro de maternidade e unha regulación do permiso postparto, promulgados por Primo de Rivera, que se incumprían sistematicamente sen houbera control de ningunha clase por parte do goberno.

A IIª República, xa durante o goberno provisional, decretou a readmisión inmediata e con efectos retroactivos das traballadoras despedidas e regulou de xeito definitivo o permiso e o seguro de maternidade.

Cómpre salientar o papel das mulleres da república na loita (tamén) polos dereitos das traballadoras do téxtil e, entre elas, o de Petra Cuevas Rodríguez (1908), aínda viva aos seus 104 anos. Petra foi a Secretaria Xeral do Sindicato da Agulla (UXT), que chegou a contar con 25.000 afiliadas. O seu labor non se limitou á organización do sindicato e das mobilizacións en defensa dos dereitos das traballadoras; tamén contribuíu á súa alfabetización, culturización e aculturación. Ela dicía (e di) con frecuencia: “Se loitas, podes perder. Sen on loitas, estás perdida”.

Tras o levantamento fascista e a instauración da ditadura, que volveu relegar as mulleres á casa, as traballadoras do téxtil foron o colectivo que puido continuar a traballar. Iso si, en condicións máis que precarias. Non en van seguiu tendo a consideración de traballo “propio de mulleres”… e esta precariedade presidiu sempre a súa actividade. Traballo insalubre, respirando o po que desprenden os fíos en locais pouco ventilados en xornadas interminábeis. Contratos (cando os hai) irregulares a todas luces. Traballos realizados nas súas casas sen remuneración axeitada e sen cotización…

Pola súa vez, as presas políticas do primeiro franquismo deciden solicitar a instalación de obradoiros de costura nos cárceres, dentro do que se chamou “sistema de redención de penas polo traballo” (as escravas de Franco). Juana Doña conta como no das Ventas (Madrid), onde –para maior escarnio- confeccionaban roupa para intendencia militar, logran burlar a vixilancia das monxas carcereiras, e fabrican e sacan clandestinamente da prisión parte desta roupa con destino á resistencia armada. Toda unha lección de dignidade!!!

A “crise” comezou para elas moito antes; cando a patronal do sector “descubriu” que lle resultaba moito máis rendíbel trasladar os centros de produción a países subdesenvolvidos, onde aínda podían pagar peores salarios, manter xornadas laborais de moitas máis horas e mesmo despreocuparse das condicións de hixiene e seguridade… todo un logro da “globalización” do século XX.

Hoxe, sofren agresións repetidas. Despedimentos masivos en empresas con beneficios, contratos-lixo, supresión das prestacións sociais e unha longa lista de agravios que caracterizan e caracterizaron sempre o traballo das mulleres, alén das que tamén afectan aos homes.

Elas seguen pelexando. Nós debemos apoiar a súa loita. A carón delas. A prol dos dereitos de TODAS NÓS.

ADIANTE A LOITA DAS MULLERES!!!

A REVOLUCIÓN SERÁ FEMINISTA OU NON SERÁ!!!

Descarga do calendario en A4

Descarga do calendario en A3

Comments are off for this post