NOMePISESoFREGHAO

grupo de acçom e reflexom ghedelluda

Calendario 2012 das labregas, redeiras e mariscadoras galegas (por Lola Ferreiro)

A compa Lola Ferreiro partillou con nós o calendario de 2012 adicado ás mulleres labregas, redeiras e mariscadoras galegas. Podedes descarregalo para imprimir nas ligazóns que aparecen ao final do artigo:

“As mulleres, silenciadas pola historia en todas e cada unha das súas actividades, méritos e saberes, desde os seus logros persoais, sociais, artísticos, políticos… ata a súa existencia mesma, achegaron ao desenvolvemento da humanidade cousas tan importantes coma o descubrimento da agricultura. Probabelmente por observación, por caeren na conta de que algunhas sementes que caían ao chan brotaban despois para dar unha nova planta… e todo isto, que cambiou radicalmente o xeito de alimentación, de localización e de vida, data de hai máis de 6.000 anos. Porén, este logro nunca lles foi recoñecido ás nosas devanceiras, que ficaron reducidas ao ámbito privado desde aquela. Coidando da prole, coidando do lume, coidando dos cultivos, coidando dos homes… coidaron de todo e de todos agás de si mesmas… e aprenderon que os demais estaban por diante, que non podían ter desexos propios, que o exercicio da súa sexualidade lles estaba vetado… que só podían atender aos desexos dos ho mes e parir, alimentar, coidar, coidar e coidar.
Co paso dos séculos, o patriarcado continuou a abusar das mulleres e, malia as loitas do movemento feminista, xurdido como tal hai algo máis de 120 anos, segue a abusar… porque seis mil anos de opresión non se resolven nun século… e porque aos privilexios non se renuncia así como así.
A participación das mulleres na produción de alimentos foi unha das súas ocupacións tradicionais. En Galicia, traballaron o campo toda a vida e axudaron en tarefas auxiliares da pesca, nomeadamente fabricando e reparando redes, ou no marisqueo, traballo ingrato e insalubre onde os haxa… e pasaron anos e anos traballando sen cotizar á seguridade social e, xa que logo, sen percibir pensión de xubilación chegado o momento.
Mais as labregas, as redeiras e as mariscadoras organizaron as súas propias respostas ante o sistema… e lograron moitas cousas. Fóronse incluíndo nos plans de cotización, foron acadando dereitos laborais e ata lograron unha Lei que lles permitía ser cotitulares das explotacións agrícolas e gandeiras.
Cómpre mullerenaxear as mulleres do campo e ás mulleres do mar. Polo seu traballo, pola súa loita, polo seu exemplo. Porque, unha vez máis van saír prexudicadas das medidas de recortes sociais, económicos e laborais do goberno reaccionario, que as sitúa novamente en posición de precariedade, ao reformar a lexislación sobre pensións que as empobrece, porque non cotizaron nin terán cotizados os anos esixidos para cobraren o 100%; ao recortar as axudas para persoas dependentes, que as obriga a volverse entregar ao coidado destas; ao non incentivar os sectores produtivos onde desempeñan o seu traballo, que as sitúa unha vez máis en posición de inferioridade laboral, económica e social.
Para elas e para todas (e todos), que 2012 veña cheo de enerxías para nos rebelar, para loitar e para construír as alternativas democráticas, fronte ao patriarcado e o capitalismo!!!
Lola Ferreiro

Podes descargalo nas seguintes ligazóns:

Calendario para imprimir en A4

Calendario para imprimir en A3

Obrigada por este agasallo Lola!

Os comentarios están pechados.