NOMePISESoFREGHAO

grupo de acçom e reflexom ghedelluda

Archive for Xuño, 2011

2 de Xuño, Día Internacional das Putas. Por HETAIRA.

2 06 2011

Desde 1975, o 2 de xuño celébrase o Día Internacional das Putas. Un día non oficial, por suposto, pero con todo proclamado e propagado por prostitutas e polas asociacións en defensa das traballadoras do sexo, sobre todo en Latinoamérica e Europa.

Por que este día?

Porque o 2 de xuño de 1975, máis de cen prostitutas ocuparon a igrexa Saint-Nizier na localidade francesa de Lyon para chamar a atención sobre a súa mala situación e sobre as represalias continuas que sufrían por parte da Policía: abusos e violencia, multas e encarceramentos. ‘Mozas alegres na casa do señor’, titulaban nun texto enviado á prensa onde explicaban a súa acción. Unha ocupación pacífica que se propagou, inesperadamente, a outras cidades francesas.

Nesa igrexa xestouse o Colectivo de Prostitutas, un referente histórico para todas as organizacións posteriores. Como dicía Ulla, unha das súas líderes: “Esperamos a nosa liberdade en tanto que mulleres tal e como somos, e non tal e como queredes que sexamos para tranquilizar a vosa conciencia (…). Non teñades medo: esta liberación non suporá automaticamente unha proliferación das prostitutas. A non ser que nós, as mulleres, sexamos todas mozas ás que unicamente reprimía o medo á policía…”.

Por iso, aproveitamos este día 2 de xuño de 2011 para lembrar ás compañeiras encerradas na igrexa, pola súa valentía, por enfrontarse á hipocrisía social facéndose visibles, por falar publicamente dos seus problemas, por dar forza a outras mulleres a facer o mesmo.

Desde Hetaira festexamos, rememoramos este día e aproveitamos para seguir esixindo o mesmo que elas (e xa pasaron máis de 26 anos!): respeto total ao traballo sexual (non á criminalización legal ou social) e dereitos laborais para as prostitutas.

Hoxe, día 2 de xuño estaremos con toda a nosa forza (aínda que desde a distancia) apoiando as manifestacións contra a represión do traballo sexual, na Praza Pigalle-République de París, a partir das 14,00 horas; e na Praza da Intendencia en Cordoba (Arxentina) e na Praza de San Martín en Lima (Perú) e en todas as prazas reais ou inventadas para esixir respeto total ao traballo sexual.

Hetaira, colectivo en defensa dos dereitos das prostitutas.

Madrid, 2 de xuño de 2011

(*) Nalgúns países orientais e a India celébrase este día o 3 de marzo.

Comments are off for this post